Medrar Solutions, recoñecida cun accésit no IX Premio Peme do Ano Lugo 2025
xoves, 26 de xuño do 2025
Este xoves 26 de xuño entregouse o IX Premio Peme do Ano Lugo 2025, galardón posto en marcha pola Cámara de Comercio de España, a Cámara de Comercio de Lugo e o Banco Santander. Nesta edición, a entidade galardoada con este recoñecemento foi Industrial Recense, unha empresa da Pontenova con máis de 70 anos de historia que se dedica a fornecer de recursos ao sector da construción. Tamén foi distinguida a empresa tecnolóxica Medrar Smart Solutions, consultora TIC centrada na transferencia de coñecemento cara a innovación, a transformación dixital e a sustentabilidade, nacida en 2018 e con sedes en Vilalba e Lugo.
No acto, que tivo lugar na oficina principal do Banco Santander de Lugo, participaron o presidente da Deputación, José Tomé Roca, a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e o rexedor lucense Miguel Fernández, amais das e dos representantes das entidades organizadoras.
O mandatario provincial felicitou aos galardoados e destacou que “é importante recoñecer hoxe o labor de quen lidera proxectos valentes”, sinalando ás empresas que apostan pola formación, a innovación, a sustentabilidade ou a internacionalización. Engadiu que das 22.000 compañías activas no territorio, a maioría son pequenas, “pero o seu impacto é enorme: sosteñen o emprego, a cohesión e o futuro da nosa provincia”.
Pola súa banda, Isabel Rodríguez sinalou o compromiso do Goberno de España coa actividade emprendedora, o emprego de calidade, a innovación, a dixitalización, a sustentabilidade ambiental e a transición enerxética. A subdelegada valorou o recoñecemento “ao labor das persoas que poñen en marcha e impulsan proxectos empresariais que contribúen ao desenvolvemento sustentable da economía e xeran emprego para as familias lucenses”.
Ademais do Premio Peme do Ano, neste evento tamén se recoñeceu cun accésit o labor de catro entidades máis, Medrar Smart Solutions SL, na categoría de Dixitalización e Innovación; Pesquerías del buen viaje S.L., no apartado de Formación e Emprego; Transmedia Comunicaciones y Prensa SLU. en Internacionalización e Lácteos Lorán na categoría de Peme Sostible, galardón que entregou o máximo representante provincial.
