Meizu prepara o que podería ser o primeiro smartphone sen fisuras

mércores, 23 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Nos últimos anos vimos como os teléfonos móbiles avanzaron nunha tendencia que non contentaba a todos os usuarios, facendo que as pantallas ocupasen cada vez máis e os portos externos fosen cada vez máis irrelevantes, e finalmente un terminal chinés vai levar este último punto ao extremo, de xeito que o Meizu Zero será o primeiro smartphone sen fisuras, ao prescindir de porto de carga, toma de auriculares, botóns e mesmo buratos para os altofalantes.
O novo smartphone de Meizu integra un sistema de son en pantalla (mSound 2.0 In-Screen Sound), sensores de presión (para contar con botóns de volume laterais virtuais), carga sen fíos (Super mCharge Wireless de 18 watts), resistencia ao po e á auga (IP68) e incluso prescinde de bandexa para a tarxeta SIM xa que aposta pola eSIM.
Este arriscado terminal funcionará cun procesador Qualcomm Snapdragon 845, a súa pantalla AMOLED de 5,99 polgadas integrará lector de pegadas dixitais e o seu corpo cerámico presenta un deseño integral que xunto coa súama cámara traseira dual de 12/20 Mpíxeles e a súa cámara frontal de 20 Mpíxeles de seguro que non vai deixar indiferente a ninguén pola súa innovadora proposta.

Vídeo de adianto do Meizu Zero

PUBLICIDADE