Mellora a subministración de consolas PlayStation 5

venres, 24 de febreiro do 2023 Marcus Fernández

En novembro de 2020 púxose á venda a consola PlayStation 5, pero as restricións pola pandemia levaron a que Sony prohibise a venda en tendas físicas, e aínda que confiábase en mudar esta práctica cando se relaxasen as medidas sanitarias, os problemas de abastecemento provocaron que as consolas non chegasen a colocarse nos estantes das tendas en todo este tempo, xa que as unidades que van chegando aos establecementos están todas vendidas con antelación, de xeito que os compradores van ás tendas unicamente a recoller as súas reservas.
Pero esta situación está a mudar, e Sony por fin anuncia que rematou o mes cun incremento na subministración de consolas, polo que agora na publicidade da consola inclúen a lenda «xa dispoñible en tendas», aínda que o máis preciso sería que dixesen «por fin dispoñible en tendas», pois estamos na primeira ocasión na que un produto de electrónica de consumo tarda anos en chegar ás tendas físicas para a súa venda ordinaria.
A PS5 é agora moito máis doada de atopar en tendas, e por fin están dispoñibles lotes económicos en contraste coas ofertas dispoñibles antes do Nadal, nas que o habitual era combinar produtos até sumar no contorno dos 800 euros, de xeito que os xogadores que querían facerse coa consola tiñan que mercar tamén xogos e accesorios que non adquirirían de saída noutra situación.
Sony salienta que Carrefour, El Corte Inglés, Fnac, GAME e MediaMarkt son algúns dos establecementos nos que será posible adquirir a PlayStation 5, e nalgún caso incluso a través de plans renove para actualizar dende unha PlayStation 4 e que así non sexa tan elevado o prezo a pagar para renovar a consola.

Destacan a dispoñibilidade en tendas na nova publicidade da PlayStation 5

PUBLICIDADE