Memoria Pixelada sortea cinco códigos de promoción do xogo Push Cars 2

mércores, 27 de marzo do 2013 Fernando Sarasketa

Memoria Pixelada, medio galego de información sobre videoxogos e consolas do que falamos hai pouco con motivo da súa terceira gran remodelación, está estes días a organizar un sorteo de cinco códigos de promoción do xogo Push Cars 2, desenvolvido por profesionais da nosa terra. Con estes códigos, informan, poderemos descargar de balde a devandita achega de lecer para dispositivos iOS. E todo por cortesía de RaLight Software (RLS), o selo distribuidor do devandito xogo. Este, para ir meténdonos en materia, consiste na segunda entrega dunha das propostas que máis sorprenderon aos seareiros en 2011 (Push Cars) e que ostenta hoxe o fito de ter sido obxecto de máis de 3 millóns de descargas para trebellos iOS e con Android.
O argumento, como lembraremos era o seguinte: unha enleada a xeito de crebacabezas onde os coches bos e ecolóxicos foxen das cidades mentres que os contaminantes fican nelas esnafrándose entre si. Agora, coa segunda entrega, volve o seu protagonista, Sparky, ensarillado nunha lea con máis e mellores coches e con características de mobilidade optimizadas. O xogo, como dixemos, foi desenvolvido por mans galegas e isto reflíctese, entre outras cousas, no feito de terse incluído a cidade de Santiago como escenario de xogo para a comunidade internacional de seareiros.

PUBLICIDADE