Meniños presenta unha web para reforzar o coñecemento dos dereitos dos cativos

luns, 20 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

Imaxe do acto conmemorativoCoincidindo co Día Internacional dos Dereitos da Infancia (este luns 20 de novembro), a Consellería de Educación organizou un acto conmemorativo en Santiago no que, entre outros proxectos diversos, presentáronse os da Fundación Meniños para este ano 2006 e comezos do seguinte. Amais dunha boa listaxe de iniciativas encamiñadas a asegurar os dereitos dos cativos no real, esta organización galega sen ánimo de lucro incluíu no seu programa –como vén sendo costume– outras actividades a desenvolver no virtual, por considerar que a Rede é un dos xeitos máis eficaces de conseguir que os nenos saiban en todo momento cales son os seus dereitos e a onde deben acudir para reclamalos.
A este último pau de actividades virtuais pertence precisamente o portal educativo O mundo de Milu, unha web de uso doado que ten o seguinte obxectivo: facer que a mensaxes da organización chegue máis e mellor, sen que nada a entorpeza. E cal é esa mensaxe? Pois a devandita: os nenos e nenas teñen os seus dereitos e deben coñecelos, dereitos como a vivir en familia e na responsabilidade.
A web está dirixida sobre todo a cativos e cativas de Primaria, mais tamén inclúe espazos divulgativos para adultos. Conta ademais co apoio da Consellería de Educación, Vicepresidencia e Cooperación Galega.

PUBLICIDADE