Mercanavila.gal amplíase ata o 3 de decembro dada a demanda e o éxito de participación

mércores, 19 de novembro do 2025 S. P.

A Deputación da Coruña decidiu ampliar ata o 3 de decembro o prazo de vixencia do programa MercaNaVila, cuxa faciana visible é a plataforma Mercanavila.gal, tras “rexistrar unha resposta extraordinaria por parte da cidadanía e do comercio de proximidade das distintas comarcas da provincia”. A decisión atende tamén ás peticións trasladadas por varios concellos e pola Federación Galega de Comercio, que recolle as demandas das asociacións locais.
O presidente Valentín González Formoso explicou que desde o seu lanzamento o pasado 20 de outubro, “MercaNaVila superou con creces as previsións iniciais”. Así, sinalou, rexistráronse preto de 80.000 bonos descargados nos dispositivos pola cidadanía, máis de 156.000 operacións de compra e un volume de vendas superior aos 9,6 millóns de euros. Participan na iniciativa 1.188 establecementos adheridos nas vilas e concellos de menos de 20.000 habitantes de toda a provincia.
Dotado cun orzamento de 6 millóns de euros, MercaNaVila ten como obxectivo “impulsar o consumo no comercio local e apoiar ao tecido económico dos concellos máis pequenos da provincia da Coruña”. Ata o momento, máis de 2 millóns de euros en descontos xa foron aplicados, xerando un impacto directo na dinamización comercial e no mantemento do emprego local.
O presidente informou que “o programa está a ter unha incidencia especialmente positiva no rural e nos municipios de menor poboación, que son os principais beneficiados”. Salientou que “MercaNaVila contribúe a dinamizar as rúas das vilas, atraendo clientela que noutros momentos se desprazaría ás grandes cidades para realizar as súas compras e, incluso, favorecendo o efecto contrario: que persoas das urbes se acheguen ás vilas da provincia a facer as súas compras”.
Desta forma, dixo, “a iniciativa reforza a actividade económica nos núcleos máis pequenos e axuda a manter vivo o comercio de proximidade”.
Tamén destacou que “a adhesión de comercios en todas as comarcas garante unha participación ampla e equilibrada, e permite xerar un efecto multiplicador nas economías locais, fortalecendo o tecido comercial da provincia”.
A ampliación do prazo de MercaNaVila permitirá ademais aos consumidores aproveitar os período das ofertas do Black Friday, conseguindo un desconto adicional nas súas compras, e anticipar as súas compras de cara ao Nadal.
A Deputación, en colaboración coa Federación Galega de Comercio, agradeceu a implicación dos concellos e das asociacións de comerciantes na difusión e posta en marcha “dun programa que está a chegar a todos os recunchos da provincia, incluídos aqueles con menor densidade de poboación”, salientou González Formoso, lembrando que “MercaNaVila enmárcase nunha estratexia máis ampla da institución provincial para fortalecer o comercio de proximidade e apostar pola dinamización socioeconómica do rural da provincia”.
Cada bono MercaNaVila permite descontos de ata 100 euros por persoa, aplicando un desconto directo de entre 5 e 15 euros no momento da compra. O obxectivo é facilitar o acceso a produtos e servizos de proximidade, ao tempo que se incentiva o consumo nos establecementos participantes. Salóns de peiteado, tendas de moda, librerías, ferraxerías, tendas de electrodomésticos, ópticas, xoierías...son moitos os negocios que se sumaron ao programa.
A través da plataforma web oficial, as persoas usuarias poden descargar de balde os seus bonos, consultar os comercios adheridos e localizar os establecementos máis próximos por concello ou sector.