Mercanavila.gal dinamiza o comercio local de Oroso

xoves, 6 de novembro do 2025 S. P.

A responsable da área de Emprego, Industria e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, visitou este martes 4 de novembro distintos establecementos comerciais de Oroso para interesarse polo funcionamento do programa MercaNaVila e a súa plataforma MercaNaVila.
Rosa Ana García estivo acompañada polo alcalde de Oroso, Álex Doval, e membros da Corporación municipal e conversou con comerciantes e clientes sobre o impacto de MercaNaVila, unha iniciativa que busca apoiar ao comercio de proximidade nos concellos de menos de 20.000 habitantes así como contribuír a reactivación do consumo local.
MercaNaVila conta con xa con 1.000 comercios adheridos en toda a provincia da Coruña dos que 26 están no concello de Oroso. "Nestes primeiros días, fixéronse preto de 2.000 compras en Oroso usando os bonos desconto de MercaNaVila, cun impacto económico de 102.747 euros en vendas", afirmou a deputada, que destacou a boa acollida que o programa está a ter tamén noutros concellos da comarca como Ordes, Arzúa, Melide e Santa Comba.
"Buscamos non só apoiar economicamente, que é moi importante, senón tamén sensibilizando á poboación de que temos que comprar no comercio local porque é fundamental para a vida, a economía e o futuro nas nosas vilas", afirmou Rosa Ana García.
O alcalde animou tamén á cidadanía a "comprar no comercio de Oroso" para apoiar aos pequenos negocios.
O programa MercaNaVila conta cun orzamento total de 6 millóns de euros, destinados a fomentar as vendas nos pequenos establecementos e incentivar o consumo nos núcleos rurais e urbanos de menor tamaño, contribuíndo así a fixar poboación e emprego.
A campaña permite que calquera persoa poida descargar no seu dispositivo tecnolóxico os bonos, con independencia do seu lugar de residencia. Non é preciso vivir nun concello pequeno: os bonos poden descargarse tamén dende as cidades e grandes vilas, pero as compras deben realizarse sempre nas 1.000 tendas adheridas dos concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes.
Cada bono MercaNaVila permite descontos de ata 100 euros por persoa, aplicando un desconto directo de entre 5 e 15 euros no momento da compra. O obxectivo é “facilitar o acceso a produtos e servizos de proximidade, ao tempo que se incentiva o consumo nos establecementos participantes”, explica a Deputación.
A través da plataforma web oficial as persoas usuarias facerse de balde cos seus bonos, consultar os comercios adheridos e localizar os establecementos máis próximos por concello ou sector.
O prazo para usar os bonos MercaNavVila remata o 20 de novembro.
A Deputación e a Federación Galega de Comercio coinciden en sinalar que o éxito da campaña “é un reflexo da confianza cidadá neste modelo de apoio directo ao comercio local”.
O programa tamén está a recibir unha valoración moi positiva por parte das asociacións de comerciantes, que destacan “o incremento de visitas e vendas durante esta campaña”, que se estende ata o 20 de novembro.