Mercedes-Benz adianta a Tesla en tecnoloxía de condución autónoma

venres, 27 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

Dende hai anos Tesla promete capacidades de condución autónoma nos seus vehículos, designando o seu sistema de condución asistida como Autopilot, pero estamos ante o que claramente sería un caso de publicidade enganosa (e así o están a recoñecer as autoridades xudiciais, que prohibiron á compañía utilizar certa linguaxe que dea a entender que os seus vehículos teñen condución autónoma).
Actualmente os últimos vehículos de Tesla están embarcados nun proceso de probas do software de Autopilot que permitiría a prometida condución autónoma, aínda que segue sen haber unha previsión fiable sobre cando o produto estará maduro, xa que non podemos esquecer que Elon Musk leva prometendo dende 2016 que a condución totalmente autónoma chegará aos Tesla en 2 anos.
Actualmente os vehículos de Tesla está clasificados dentro do nivel 2 de automatización establecido por SAE, sistema que vai do nivel 0 ao 5, sendo o 3 o primeiro que non requiriría un condutor ao volante todo o tempo (aínda que o condutor si tería que tomar o control nalgunhas situacións).
Temos así que, aínda que Tesla parecía a empresa mellor posicionada para o coche autónomo, o discurso de Musk estaría bastante lonxe da realidade, e finalmente é Mercedes-Benz a compañía automobilística que acada o nivel 3 SAE por primeira vez nos EE.UU., sendo o estado de Nevada o primeiro que confirma que os vehículos de Mercedes cumpren cos regulamentos para circular por estradas públicas.
Mercedes-Benz chama a súa tecnoloxía de automatización da condución Drive Pilot, e agora pretende certificala no estado de California, preparando o terreo para que na segunda metade do ano esta tecnoloxía poida activarse nos modelos de 2024 dos Mercedes-Benz Clase S e Sedan EQS.
A intención do Drive Pilot é que poida activarse en traxectos de estrada onde haxa unha grande densidade de tráfico, con velocidades de até 64 quilómetros por hora, de xeito que o vehículo manterá a velocidade e a distancia que se lle indique, manténdose no seu carril, reaccionado aos sinais de tráfico e a outros acontecementos que poidan xurdir pero, en definitiva, librando ao condutor dos momentos nos que a condución resulta máis pesada.
A tecnoloxía empregada por Mercedes-Benz é moi diferente da de Tesla (baseado unicamente en cámaras), xa que aposta por sensores LiDAR e sistemas redundantes, primando así a seguridade. Tamén conta con cámaras e incluso micrófonos que poidan detectar vehículos de emerxencias.
Un dos detalles máis interesantes desta tecnoloxía é que, no caso de que o condutor teña unha indisposición, o vehículo freará, prenderá as luces de emerxencia e, tras a súa detención completa, desbloqueará as portas para facilitar que o condutor poida ser atendido polos servizos de emerxencia (aos que o vehículo chamaría de xeito automático).
Cómpre salientar que a tecnoloxía Drive Pilot de Mercedes-Benz xa se presentou en Alemaña en maio de 2022, de xeito que é o primeiro sistema SAE de nivel 3 do mundo, polo que agora a súa implantación depende máis da lexislación dos distintos países que do desenvolvemento da súa tecnoloxía.

PUBLICIDADE