Meta AI chega finalmente a Europa

xoves, 20 de marzo do 2025 Marcus Fernández

Meta leva moitos meses integrando a súa intelixencia artificial nas súas plataformas sociais, comezando inicialmente polos EE.UU. e chegando incluso a América Latina, resistíndose ao desembarco europeo até agora, cando anuncian que Meta AI inicia esta mesma semana o seu espallamento por 41 países europeos.
Nos vindeiros días Meta AI estará dispoñible como un asistente de texto integrado en Facebook, Messenger, Instagram e WhatsApp, accesible a través dunha icona cun círculo azul que permitirá que consultemos con Meta AI dúbidas que teñamos sen ter que saír das aplicacións, ou incluso podemos mencionar ao asistente dende un grupo de WhatsApp para que axude a organizar unha viaxe, solucionar unha discusión ou, simplemente, engadir elementos divertidos á conversa.
Queda agora agardar para ver cantas das funcións de Meta AI chegarán definitivamente a Europa, pois non podemos esquecer que esta tecnoloxía tamén está integrada nas lentes Ray-Ban Meta, e aínda que a posibilidade de conversar co asistente está dispoñible en moitos territorios, as funcións de recoñecemento visual están aínda moi limitadas, e o seu desembarco europeo podería impulsar as vendas deste accesorio, que incluso podería resultar de grande utilidade para persoas con eivas visuais.