Meta AI comeza a dobrar audio entre inglés e español en Instagram e Facebook

martes, 19 de agosto do 2025 Redacción

Meta anunciou a ampliación do acceso á súa ferramenta de traducións con intelixencia artificial, dispoñible de xeito gratuíto para os creadores de contido en Facebook e Instagram. Esta función permite dobrar e sincronizar os beizos automaticamente nos Reels, de maneira que o público poida escoitar os vídeos no seu propio idioma, mantendo o ton e a voz orixinal do creador.
Meta AI Translations funciona en traducións de inglés a español e de español a inglés, aínda que a compañía avanza que irá incorporando máis linguas no futuro. O servizo está dispoñible para creadores de Facebook con máis de mil seguidores e para todas as contas públicas en Instagram.
A activación é sinxela: antes de publicar o Reel, hai que seleccionar a opción Translate your voice with Meta AI e activar a tradución e, se se desexa, tamén a sincronización labial. O usuario pode revisar a tradución antes de facela pública e, unha vez compartida, poderá consultar métricas adicionais como a desagregación das visualizacións por idioma, o que facilita coñecer mellor o rendemento dos contidos traducidos.
Meta recomenda usar vídeos cara á cámara, falar con claridade e evitar cubrir a boca ou ter ruído de fondo excesivo. Ademais, no caso de Facebook, a ferramenta admite a tradución de ata dúas voces, sempre que non se solapen ao falar.

Varias pistas sonoras nun mesmo Reel

Como novidade, tamén se habilita a opción de que os creadores de páxinas en Facebook poidan cargar ata vinte pistas de audio dobradas por conta propia nun mesmo Reel. Deste xeito, os usuarios poderán escoitar os contidos no idioma que teñan configurado, do mesmo xeito que acontece coas traducións automáticas de Meta AI.
Con este movemento, Meta busca derrubar barreiras lingüísticas e favorecer que os creadores poidan aumentar a súa audiencia global, ofrecendo contidos máis accesibles e personalizados.