Meta Quest 3S estrea edición Xbox

martes, 24 de xuño do 2025 Marcus Fernández

O uso da aplicación de Xbox en visores Meta Quest permite aos subscritores de Xbox Game Pass Ultimate gozar do xogo na nube nunha pantalla virtual xigante, e para promocionar tal uso Meta e Xbox veñen de xuntar forzas para comercializar as Meta Quest 3S edición Xbox, unha versión do visor Meta Quest 3S en cor escura (con correa Elite) que inclúe tamén un mando de Xbox Series X|S a xogo e 3 meses de Xbox Game Pass Ultimate, facilitando así o goce de xogos de consola sen a mesma.
Este novo produto sae agora á venda en EE.UU. e Reino Unido a un prezo de 399,99 dólares/379,99 libras esterlinas, e probablemente cheguen en breve tamén ao mercado europeo, no que semella un lote bastante atractivo, xa que o prezo de todos os elementos por separado estaría próximo aos 529 euros.
Esta edición especial de Meta Quest 3S en cor escura con acentos en verde non só casa correctamente coa estética de Xbox, senón que tamén é un convite a probar novos xeitos de xogar, facilitando a posibilidade de gozar de xogos de consola coa liberdade de non ter que atarse a unha consola e a un televisor, sendo a súa principal limitación o precisar dunha boa conexión á Rede (recoméndase unha rede Wi-Fi que poida conseguir de xeito estable velocidades de 20 Mbps como mínimo).
Tendo en conta o prezo actual das consolas PlayStation 5 e Nintendo Switch 2, esta opción de xogo pode resultar bastante atractiva para usuarios que gocen das pantallas xigantes e non teñan problemas con levar un visor de VR durante períodos prolongados.

Vídeo de presentación das Meta Quest 3S edición Xbox