Meta Quest 3S pretende conseguir grandes vendas cun prezo agresivo
mércores, 25 de setembro do 2024
Durante a celebración do evento Connect presentouse o esperado visor Meta Quest 3S, un novo dispositivo que podería definirse basicamente como unha versión económica do visor Meta Quest 3, no que se ofrece unha calidade de imaxe como a de Quest 2 (pero con passthrough en cor), de xeito que temos un dispositivo cun prezo de partida de 329,99 euros mentres que o modelo máis básico de Quest 3 custa 479,99 euros.
Meta Quest 3S preséntase como un dispositivo para a realidade mixta, que ofrece experiencia de xogo, actividade física e lecer, permitindo incluso gozar de aplicacións como Facebook, Instagram e WhatsApp sen quitar o visor. A actualización do seu procesador garante o dobre de rendemento que Quest 2, dispositivo co que comparte tecnoloxía de lentes (ou sexa, que emprega lentes fresnel en vez das impresionantes lentes pancake de Quest 3).
A Quest 3S tamén actualiza os mandos para contar co mesmo sistema de control que Quest 3, sendo tamén compatible co control mediante o seguimento de mans. A incorporación de cámaras externas a toda cor permite unha experiencia de realidade mixta bastante satisfactoria .
Os usuarios que adquiran este produto recibirán 3 meses de subscrición a Meta Quest+ (servizo que ofrece máis de dous xogos seleccionados ao mes) e unha copia do agardado xogo Batman: Arkham Shadow.
Confíase en que o feito de que este visor poida utilizarse para xogar, para gozar de contidos audiovisuais e para certas experiencias de realidade estendida permita que, xunto co prezo agresivo, poidan conseguir un ritmo de vendas semellante ao de Quest 2, xa que Quest 3, pese a ser un produto moi ben recibido, está a venderse a un ritmo pausado polo seu elevado prezo.
Vídeo promocional de Meta Quest 3S