Meta amosará en Vancouver os seus avances en visores de VR

xoves, 7 de agosto do 2025 Redacción

Meta presentará nos vindeiros días na feira SIGGRAPH 2025 dous novos prototipos de visores de realidade virtual que, segundo a compañía, achegan un pouco máis a posibilidade de superar a chamada proba de Turing visual, é dicir, ofrecer experiencias virtuais indistinguibles do mundo real. Trátase de Tiramisu, desenvolvido polo equipo de Optics, Photonics, and Light Systems (OPALS), e Boba 3, a cargo de Display Systems Research (DSR).
O Tiramisu destaca pola súa resolución angular de 90 píxeles por grao (3,6 veces a do Quest 3), un contraste tres veces superior e un brillo de ata 1.400 nits, catorce veces máis ca o visor de consumo de Meta. Utiliza pantallas micro-OLED de alta resolución e lentes de vidro refractivo, co obxectivo de maximizar a calidade visual mesmo a costa dun formato máis pesado e cun campo de visión reducido (33° x 33°). As imaxes, xestionadas con Unreal Engine 5 e melloradas con DLSS 3 de nVIDIA, buscan ofrecer o HDR máis próximo ao visto en televisores actuais.
Pola súa parte, Boba 3 aposta por unha inmersión baseada nun campo de visión ultrapanorámico: 180 graos en horizontal e 120 en vertical, fronte aos 110° x 96° do Quest 3, mantendo un formato e unha resolución comparables aos dispositivos de consumo actuais. Grazas a paneis 4K por ollo, lentes tipo pancake e deseño óptico propio, cobre arredor do 90 % do campo visual humano cunha densidade lixeiramente superior á do Quest 3. O prototipo require un PC e unha GPU de gama alta para funcionar e, segundo os seus creadores, non está pensado para un prezo masivo.
Ambos dispositivos, que se poderán probar no programa Emerging Technologies da SIGGRAPH entre o 11 e o 14 de agosto en Vancouver, non teñen garantida a súa chegada ao mercado, pero Reality Labs Research considera que son pasos clave no camiño cara á próxima gran plataforma de computación, amosando avances técnicos que poderían inspirar futuros produtos comerciais.