Meta cancela o proxecto que pretendía competir coas Vision Pro

venres, 23 de agosto do 2024 Marcus Fernández

Meta Quest Pro foi un visor bastante avanzado, que fracasou comercialmente polo seu elevado prezo

As presentacións das Meta Quest 3 a as Apple Vision Pro foron case consecutivas, dando a impresión de que estabamos ante produtos cunha tecnoloxía moi semellante, pero con orientacións diferentes. Así, Meta orienta o seu visor ao lecer e os videoxogos, buscando un prezo axustado, mentres que Apple deixa os videoxogos de lado e céntrase na produtividade, sen esquecer o consumo audiovisual.
O interese inicial polas Vision Pro de Apple, produto sobre o que non hai dúbidas de que é imposible que calle no mercado co seu prezo actual, levou a que dende Meta explorasen a posibilidade de retomar as súas Meta Quest Pro, lanzando un modelo con moita máis resolución para así pórse á altura técnica do visor de Apple, pero vese que aprenderon ben a versión do seu anterior modelo Pro (que foi un rotundo fracaso polo seu elevado prezo) e agora transcende a través de The Information que o proxecto de lanzar un competidor directo das Vision Pro está cancelado.
Aseguran que Meta tería dado instrucións aos traballadores da división Reality Labs de cesar o traballo no ambicioso visor esta mesma semana. Este produto, coñecido internamente baixo o nome en clave La Jolla, tiña como obxectivo de lanzamento o ano 2027, e tamén contaría con pantallas micro OLED de ultra alta resolución, o que dispararía o seu prezo.
Pese a que a fiestra de tempo é bastante ampla, dende Meta consideraron que as pantallas necesarias para estar á altura do dispositivo de Apple farían imposible fabrican un visor que puidese comercializarse por menos de mil dólares, que é a cantidade máxima que estiman que permiten unhas boas vendas.
Meta mantería nas súas previsións o lanzamento dunhas Meta Quest 4 no ano 2026, cun prezo semellante ao que actualmente teñen as Quest 3, que lembremos que é 7 veces inferior ao do visor da compañía da mazá, de aí que a distancia que separe os produtos sexa disparatada, sendo precisos bastantes anos para que poida ser viable un visor de realidade estendida de alta resolución ao alcance do grande público.