Meta, condenada a indemnizar á prensa dixital española por competencia desleal

xoves, 20 de novembro do 2025 Redacción

O Xulgado do Mercantil número 15 de Madrid condenou a Meta a pagar 479 millóns de euros a 87 editoras de prensa dixital e axencias de noticias integradas en Asociación de Medios de Información (AMI) pola vantaxe competitiva obtida ao realizar publicidade comportamental en Facebook e Instagram mediante o uso indebido de datos persoais. A sentenza, ditada o 19 de novembro de 2025, estima parcialmente a demanda presentada polos medios, que denunciaban que a compañía tratara datos protexidos dos usuarios sen unha base legal válida segundo o Regulamento Xeral de Protección de Datos.
O fallo recolle tamén indemnizacións específicas para dous medios: dous millóns cincocentos setenta mil euros para o Grupo Europa Press e trece mil cincocentos sesenta e tres euros para Radio Blanca. A decisión fundamenta a condena no artigo 15.1 da Lei de Competencia Desleal, que considera desleal prevalecerse dunha vantaxe competitiva lograda a través da infracción dunha lei, neste caso o RGPD.
A resolución lembra que, coa entrada en vigor do RGPD o 25 de maio de 2018, Meta substituíu a base legal do consentimento explícito pola da suposta necesidade contractual, movemento que permitiu seguir explotando datos persoais para publicidade comportamental. Esta estratexia xa motivara unha sanción da Comisión de Protección de Datos de Irlanda en decembro de 2022. Segundo o xulgado, se Meta tivese mantido o consentimento como base legal, non se produciría infracción algunha nin prosperarían reclamacións como a formulada pola prensa española.
Durante o proceso, Meta Irlanda, sede da compañía en España, non achegou as contas do seu negocio no país. O maxistrado aplicou as regras da carga da proba e deu por válidos os cálculos achegados polos medios, concluíndo que Meta obtivo máis de cinco mil douscentos oitenta e un millóns de euros en ingresos por publicidade online en España entre maio de 2018 e agosto de 2023, período no que mantivo o tratamento ilícito dos datos persoais. A ausencia de documentación levou o xuíz a presumir que os beneficios reais poderían ser mesmo superiores.
Para calcular as indemnizacións, o xulgado empregou como referencia as cotas de mercado do sector, tomando datos do Estudo sobre as condicións de competencia no sector da publicidade online en España elaborado pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia. O criterio permitiu acreditar, con «unha razoable verosimilitude», as ganancias que a prensa dixital deixou de obter pola actuación de Meta e que deben ser redistribuídas entre os competidores afectados.
A sentenza apunta que a publicidade comportamental de Meta, baseada en millóns de datos persoais obtidos tanto das súas propias plataformas como doutras páxinas visitadas polos usuarios, xerou unha vantaxe competitiva inalcanzable para os medios tradicionais, que viron reducidos os ingresos pola publicidade en display.
O fallo podería ter repercusións máis alá de España, dado que Facebook e Instagram operan de forma uniforme en toda a Unión Europea e están sometidos ao mesmo marco normativo. En Francia tramítase xa unha demanda semellante, e o maxistrado español cita de maneira extensa xurisprudencia e normativa europea que reforza o carácter transfronteirizo do caso.
A resolución non é firme e Meta pode recorrer en apelación ante a Audiencia Provincial de Madrid, onde poderá cuestionar tanto a valoración das probas como o método empregado para o cálculo das indemnizacións.
O caso reabre o debate sobre o equilibrio entre a innovación tecnolóxica e as vantaxes das redes sociais, por unha banda, e a protección da privacidade e os dereitos fundamentais, pola outra. A sentenza aliñase coa Resolución do Parlamento Europeo do 25 de outubro de 2018, que advertía de que o dereito da competencia debe desempeñar un papel clave fronte aos excesos derivados do tratamento ilícito de datos persoais e do crecente poder informativo e económico das grandes plataformas tecnolóxicas.