Meta ficha ao responsable de modelos fundacionais de IA de Apple

luns, 7 de xullo do 2025 Redacción

Ruoming Pang é a última fichaxe dos Meta Superintelligence Labs

Apple vén de sufrir unha baixa clave na súa estratexia de intelixencia artificial, xa que o enxeñeiro responsable do equipo de modelos fundacionais, Ruoming Pang, deixará a compañía para incorporarse a Meta, compañía que está a reforzar a súa aposta pola IA a través dunha política agresiva de fichaxes. Nesta ocasión aseguran que Meta ofreceu a Pang un paquete de compensación valorado en decenas de millóns de dólares anuais.
Pang, que chegara a Apple en 2021 procedente de Alphabet, dirixía un equipo de arredor de cen persoas centrado en grandes modelos de linguaxe que sustentan Apple Intelligence e outras funcionalidades baseadas en IA presentes nos dispositivos da marca. A saída de Pang é a máis destacada no ámbito da IA de Apple desde que comezou a traballar en Apple Intelligence e podería non ser a última: varias persoas do mesmo equipo xa comunicaron internamente a súa intención de seguir os seus pasos, con destinos que tamén poderían incluír Meta.
Con Pang fóra, será Zhifeng Chen quen asuma a dirección do grupo. A nova estrutura organizativa incluirá distintos responsables intermedios, como Chong Wang, Zirui Wang, Chung-Cheng Chiu ou Guoli Yin, que terán ao seu cargo os distintos equipos de enxeñaría.
A fuxida de talento de Apple e o crecemento acelerado de Meta e outros rivais como Google ou OpenAI son unha boa mostra da carreira actual por conseguir unha posición dominante na vindeira xeración de tecnoloxías de IA.