Meta mellora o seu modelo de linguaxe destinado á programación

martes, 30 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

O pasado verán Meta anunciou Code Llama, un grande modelo de linguaxe pensado para a xeración e discusión de código para facilitar o traballo dos programadores informáticos e a aprendizaxe de linguaxes de programación. Agora esta ferramenta de código aberto recibe unha grande actualización, que chaman Code Llama 70B, converténdose no modelo de maior tamaño e mellor desempeño da súa familia.
Code Llama 70B estaría dispoñible en tres versións, todas de balde para uso investigador e comercial: a versión fundacional, unha versión especializada en Python, e outra versión optimizada para recibir instrucións en linguaxe natural.
En probas de precisión realizadas entre distintos modelos para labores de programación, concretamente o HumanEval (pass@1) no que GPT-3.5 consegue 48.1 puntos e GPT-4 67 puntos, Code Llama 70 consegue 53 puntos na súa versión fundacional, 57,3 na súa versión optimizada para Python e 67,8 na súa versión optimizada para recibir instrucións en linguaxe natural, ou sexa, que consegue superar a modelos de pagamento, o que resulta moi interesante tanto para usos profesionais como de investigación.