Meta pecha o seu centro de moderación de contidos en Barcelona
venres, 4 de abril do 2025
- O centro de moderación de Meta estaba operativo nas oficinas de Telus na Torre Glòries
O feito de que Meta estea a eliminar os seus sistemas de moderación de contidos nos EE.UU. optando por un sistema de Notas da Comunidade disparou todas as alarmas en Europa, ante o que a compañía de Mark Zuckerberg respondeu que non suporía cambios no territorio europeo para respectar a lexislación vixente, pero a compañía estadounidense podería non estar a ser moi honesta ao respecto, pois vén de pechar o centro de moderación de contidos que tiña en Barcelona.
Dende onte, os traballadores da Torre Glòries que estaban contratados a través da compañía Telus para moderar os contidos de Facebook e Instagram xa non poden acceder ás instalacións da empresa, sendo a versión oficial que Meta está a trasladar os seus servizos a outras localizacións.
Cómpre salientar que es centro de traballo en concreto resultaba conflitivo para Meta por ter que ceder a compañía a unha mellora de retribucións (pois considerouse ilegal o desequilibrio salarial en función da lingua que falasen os moderadores) e ter un elevado número de baixas laborais por mor dos efectos mentais causados polos contidos que tiñan que revisar os moderadores.
Queda por ver se realmente Meta abre novos centros de moderación, ou se realmente está recortando gastos nesa partida, o que suporía unha vulneración da Lei de Servizos Dixitais.