Meta presenta unha ferramenta de IA que xera son e música

mércores, 2 de agosto do 2023 Marcus Fernández

Meta continúa a compartir os seus avances en intelixencia artificial co mundo, e desta volta presenta AudioCraft, unha ferramenta de IA xenerativa aplicada ao son e á música, o que no futuro podería permitir que unha pequena empresa puidese engadir unha composición musical orixinal ao seu anuncio en vídeo en Instagram sen ter que contratar a un músico profesional, ou que poida engadir son xerado mediante ordes en texto que creen a ambientación.
AudioCraft consiste en 3 modelos: MusicGen, é un xerador de música mediante ordes de voz, que incluso pode condicionarse a unha melodía que se achegue como ficheiro musical ou murmurada ao micrófono;AudioGen, un xerador de efectos de son, que pode servir para engadir elementos sonoros e ambientación; e EnCodec, codificador que mellora substancialmente a compresión de ficheiros sonoros.
Estes modelos están a disposición do público, o que tamén contribuirá á evolución desta tecnoloxía que está a resultar disruptiva, por mudar radicalmente o ámbito da creación musical e audiovisual.