Meta presentará en setembro unhas lentes con pantalla

luns, 25 de agosto do 2025 Marcus Fernández

Meta prepara un novo salto no mercado das lentes intelixentes e ten previsto aproveitar a súa conferencia anual Connect, que se celebrará entre os días 17 e 18 de setembro, para anunciar dous dispositivos inéditos: as primeiras lentes de consumo con pantalla e unha pulseira de control baseada en xestos manuais. Este produtos serían froito do traballo desenvolvido ao redor de Orion, o prototipo de lentes de realidade aumentada presentados no Connect de 2024.
Aseguran que as novas lentes levan o nome interno de Hypernova e incluirán unha pequena pantalla dixital monocular na lente dereita (o que lembraría ás desaparecidas Google Glass). O dispositivo, que se vendería arredor dos 800 dólares, comercializarase en colaboración con EssilorLuxottica, grupo propietario de marcas como Ray-Ban e Oakley. Precisamente, en xuño xa transcendera que ambas compañías traballaban nun modelo co deseño característico da firma italiana.
As Hypernova non buscarían ser unha lentes de realidade aumentada ao estilo do prototipo amosado o ano pasado (demasiado caro de fabricar) senón que se presentaría como unha versión máis accesible. A pantalla tería un campo de visión reducido (duns 20 graos) e serviría principalmente para amosar información sinxela como mensaxes de texto ou alertas.
Entre as funcións, as lentes permitirán sacar fotos e vídeos, realizar chamadas, escoitar audio e interactuar cun asistente de intelixencia artificial mediante voz, pantalla e controis manuais. Para isto último, Meta estreará tamén unha pulseira desenvolvida por CTRL Labs, compañía adquirida en 2019, que emprega sensores sEMG capaces de interpretar sinais eléctricos dos músculos do pulso. Este accesorio, segundo a compañía, será clave para futuros modelos de realidade aumentada máis avanzados.
Xunto coas Hypernova e a pulseira, Meta tamén anunciará no Connect unha terceira xeración das súas lentes con control por voz, unha versión mellorada dos actuais Ray-Ban Meta, algo que semella inevitable, dado que o seu modelo irmán comercializado baixo a marca Oakley presenta melloras en cámara e autonomía.