Meta quere cobrar por usar unha función das súas lentes que se executa no propio dispositivo

mércores, 1 de xullo do 2026 Marcus Fernández

Pouco a pouco imos afacéndonos a pagar polos servizos baseados en intelixencia artificial, pero o que está a pillar por sorpresa a moitos é que as lentes de Meta ousen ir xa por ese camiño, xa que veñen de incorporar certos límites de uso a funcións de IA que poderían considerarse ridículos.
Se consultamos a sección de axuda sobre a subscrición a Meta One para lentes con IA atopamos que certas vantaxes das lentes teñen limitacións xeográficas, e outras incluso limitacións por tempo de uso. A primeira función que se comenta que terá límite de frecuencia será a de Amplificar conversación, que de balde só ofrecerá 3 horas de uso ao mes, e para quen teña unha subscrición Meta One Premium (que actualmente custa 19,99 dólares/mes) o límite tampouco será especialmente xeneroso, quedando en 15 horas ao mes, o que non parece dabondo para quen realmente precise de tal funcionalidade.
O máis curioso da función de Amplificar conversación (que facilita a escoita doutras persoas en ambientes ruidosos) non debería ter ningún límite de uso, xa que non consome recursos dos servidores de Meta, senón que correría no propio dispositivo do usuario (ou sexa, que funciona sen conexión á Rede).
Estaremos ante unha proba por parte de Meta para medir a tolerancia dos usuarios ás subscricións de servizos de IA? Queren converter en inevitable as subscricións para gozar de funcións de intelixencia artificial?