Meta rouba outro enxeñeiro de IA a Apple

venres, 22 de agosto do 2025 Redacción

Frank Chu, un dos executivos de intelixencia artificial de Apple, incorporarase a Meta Superintelligence Labs (MSL), segundo informaron fontes próximas á compañía, o que sería o sexto caso de captación de expertos en IA de Apple a Meta en menos de 2 meses. Chu dirixiu en Apple equipos centrados en infraestrutura na nube, adestramento de modelos e servizos de busca, traballando ademais no desenvolvemento de funcións para Siri e para plataformas de entretemento.
O movemento prodúcese nun momento no que Meta planea reducir o ritmo de contratacións, tras investir miles de millóns de dólares no impulso do grupo de Superintelligence. Nunha nota interna á que tivo acceso Bloomberg, a compañía indicou que paralizará temporalmente as incorporacións en todos os equipos de MSL, agás nos postos considerados críticos para o negocio.
Chu é xa o sexto enxeñeiro de Apple ligado ao desenvolvemento de modelos de IA que dá o salto a Meta nos últimos meses. A marcha máis relevante foi a de Ruoming Pang, creador do equipo de modelos en Apple, que en xullo deixou a empresa cun paquete salarial de 200 millóns de dólares ofrecido por Meta. Desde entón tamén se incorporaron Tom Gunter, Mark Lee, Bowen Zhang e Yun Zhu.
En Apple, Chu foi home de confianza de Benoit Dupin, responsable de infraestrutura de IA, que á súa vez reporta directamente a John Giannandrea, xefe de estratexia en intelixencia artificial. Na súa nova etapa, Chu traballará en MSL Infra, a división dedicada á infraestrutura de IA.
A reorganización interna de Meta este mesmo mes dividiu o seu equipo de IA en catro áreas baixo a supervisión de Alexandr Wang, exresponsable de Scale AI.
Mentres, en Apple, a fuxida de talento agrava unha situación xa complicada. A empresa acumula atrasos na súa aposta por Siri e mesmo estuda empregar modelos de terceiros no canto de desenvolver tecnoloxía propia, un cambio que xerou malestar interno e acelerou as saídas cara a competidores como Meta.