Meta rouba outro importante experto en IA a Apple

martes, 29 de xullo do 2025 Redacción

Continúa a sangría no equipo de investigación en intelixencia artificial de Apple, coa saída do enxeñeiro Bowen Zhang, experto en modelos multimodais, que pasa a incorporarse a Meta. Trátase da cuarta partida en apenas un mes desde o equipo Apple Foundation Models (AFM), o grupo que desenvolve as bases tecnolóxicas da plataforma Apple Intelligence.
Zhang, que traballaba desde as oficinas de Cupertino e Nova York, únese así ao novo equipo de superintelixencia de Meta, que continúa unha ofensiva de contratación que tamén incluíu ao líder do grupo AFM, Ruoming Pang, captado cun paquete de compensación superior aos 200 millóns de dólares. Outros dous investigadores dese mesmo grupo, Tom Gunter e Mark Lee, tamén se sumaron recentemente ao proxecto da compañía matriz de Facebook.
Apple, pola súa banda, tentou responder á fuga de talento cun lixeiro incremento salarial para os membros do equipo, aínda que, segundo fontes próximas, as contías seguen sendo moi inferiores ás ofrecidas pola competencia.
Estas saídas xeraron incerteza no seo do equipo AFM, xa que Pang tiña un papel clave na definición da estratexia e da liña de investigación. A situación está a provocar desmotivación interna e máis movementos de saída: outro membro, Floris Weers, tamén deixou recentemente a empresa para unirse a unha startup, e hai máis enxeñeiros entrevistándose con outras compañías.
A pesar da tensión interna, os directivos intentan transmitir confianza ao equipo, asegurando que a compañía segue comprometida co desenvolvemento de modelos propios, tal e como fixo co deseño dos seus procesadores nos últimos anos. O grupo AFM está actualmente dirixido por Zhifeng Chen e reporta a Daphne Luong, responsable de investigación en IA, quen á súa vez depende de John Giannandrea, vicepresidente sénior de IA.
Mentres tanto, Meta continúa a atraer talento de empresas como Apple, OpenAI e Anthropic, ofrecendo paquetes de compensación xigantescos e consolidando o seu novo equipo de superintelixencia como un dos focos máis activos na carreira pola IA.