Meta usa a IA para detectar cando un adolescente agocha a súa idade real

luns, 21 de abril do 2025 Redacción

Meta anunciou hai uns días novas medidas para protexer os adolescentes nas súas plataformas coa ampliación das Contas para Adolescentes de Instagram a Facebook e Messenger, e avanzando nesa dirección inician hoxe nos EE.UU. as probas dunha tecnoloxía baseada en intelixencia artificial para identificar de xeito proactivo contas que sospeitan que pertencen a adolescentes, aínda que figuren cunha data de nacemento de persoa adulta, para así aplicarlles de xeito automático unha configuración propia a unha conta de adolescente.
Meta xa leva un tempo empregando a IA para determinar intervalos de idade dos usuarios, para así adoptar medidas de seguridade e detectar comportamentos que atenten á protección de menores. Pese a todo estamos ante unha tecnoloxía que aínda está pouco madura, polo que é posible que realice identificacións incorrectas, polo que será posible revisar os casos de identificacións como menor incorrectas. O que resulta evidente é que cada vez será máis difícil que os menores poidan ocultar a súa idade real, e como resultado as plataformas poderán ofrecerlles experiencias en liña máis axeitadas á súa idade.