Metal Gear Solid Δ: Snake Eater moderniza tecnicamente un clásico de Konami

xoves, 28 de agosto do 2025 Redacción

Konami, en colaboración con PlatinumGames, lanza hoxe oficialmente Metal Gear Solid Δ: Snake Eater, unha reinterpretación completa do clásico de 2004 para PlayStation 2 (que en 2012 fora recuperado para Nintendo 3DS), agora reconstruído sobre a potente infraestrutura do motor Unreal Engine 5. O xogo está dispoñible para PlayStation 5, Xbox Series X|S e PC, ofrecendo aos xogadores unha experiencia visual e mecánica radicalmente mellorada, sen renunciar á esencia que definiu a entrega orixinal.
A nova versión non pretende reinventar a narrativa, senón revitalizala. A historia de Snake, ambientada no contexto da Guerra Fría, mantense intacta, mais os escenarios, a intelixencia artificial dos inimigos e o sistema de combate foron redeseñados para reflectir os estándares actuais. A selva, escenario principal da aventura, cobra vida cun nivel de detalle que permite observar como a herba se move ao paso do protagonista ou como os soldados detectan rastros de sangue e sons sutís, engadindo unha capa de tensión constante ao xogo.
O sistema de cámara tamén foi adaptado ás preferencias contemporáneas, permitindo escoller entre a perspectiva clásica e unha visión máis próxima ao estilo cinematográfico moderno. Ademais, os menús foron simplificados, facilitando accións como curar feridas ou cambiar de camuflaxe sen interromper o ritmo da partida.
Como curiosidade, a versión para PlayStation 5 e PC (Steam) ofrece un modo de xogo adicional coñecido como Snake vs Monkey no que hai que recoller a uns simios espallados en varios niveis; mentres que para Xbox Series X|S o modo adicional é moito máis espectacular, xa que permite enfrontar a Snake co célebre Bomberman.
Cómpre tamén salientar que a versión de lanzamento do xogo presenta numerosos fallos que xa están identificados e dos que varios xa están corrixidos nos primeiros parches.

Tráiler de lanzamento do xogo