Metal Gear Solid: Peace Walker recibe unha puntuación perfecta na revista Famitsu

mércores, 21 de abril do 2010 Marcus Fernández

A revista nipona Famitsu é todo un referente no tocante ao mundo dos videoxogos, facéndose todo un nome co seu sistema de valoración baseado en puntuacións do 0 ao 10 por parte de 4 reporteiros, converténdose a puntuación perfecta (40 sobre 40) nun fito só acadado por 6 xogos nos 20 primeiros anos da revista (destacando concretamente a Ocarina of Time, Soul Calibur, Vagrant Story, Wind Waker, Nintendogs e Final Fantasy XII) e que vén de conseguir tamén a nova obra de Hideo Kojima, Metal Gear Solid: Peace Walker para PSP, no que tamén é un importante recoñecemento para a consola portátil de Sony.
De todos os xeitos, hai que recoñecer que o 40 de Famitsu perdeu bastante peso nos últimos 2 anos, pois neste tempo acadaron tal puntuación 8 títulos, o que moitos consideran inxustificable, pois os usuarios non perciben que nestes últimos anos os xogos sexan tan superiores aos de décadas pasadas.
A nova entrega de Metal Gear Solid chega ao Xapón a semana que vén, mentres que en Europa deberemos agardar a xuño para poder xogalo e comprobar se merece o 40 sobre 40 da revista Famitsu, coma tamén fixera o Metal Gear Solid 4 para PlayStation 3.

Páxinas da revista Famitsu nas que figura o 40 sobre 40 para o novo Metal Gear Solid

PUBLICIDADE