Metal Slug 2 estréase en Android e iOS

xoves, 7 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

Grazas as posibilidades que permite a emulación de plataformas de xogo clásicas SNK Playmore estreou hoxe en Google Play e na App Store a 3,59 euros o seu xogo Metal Slug 2, un magnífico shooter de acción de desprazamento horizontal que arrasara a finais dos anos noventa en máquinas recreativas (concretamente en Neo Geo) e que pode así gozarse en smartphones e tablets facendo uso de controis virtuais en pantalla.
Conta con dúas modalidades de xogo (arcade e misión), permite manexar aos protagonistas do primeiro xogo da franquía (Marco e Tarma) aos que se unen tamén dúas soldados (Eri e Fio) para rescatar a prisioneiros de guerra, incorpora numerosas armas e vehículos e, como novidades desta versións, temos que é posible activar o disparo automático para un xogo máis doado e o modo fiestra (que sitúa os mandos virtuais fóra da pantalla na que transcorre a acción), sendo tamén posible tirar de Bluetooth para xogar de xeito cooperativo.
Con esta estrea Metal Slug 2 súmase a Metal Slug, Metal Slug 3, Blazing Star e outros xogos da época que xa están dispoñibles nas tendas de descargas para dispositivos móbiles enriquecendo a oferta para os amantes dos videoxogos retro ou que, simplemente, gustan das mecánicas de xogo máis arcade.

PUBLICIDADE