Meteo Galicia achega os partes do tempo a móbiles e PDAs

venres, 21 de decembro do 2007 Fernando Sarasketa

Cando o clima tensa de máis a tanza do arco, fáísenos máis preciso ficar atentos ás previsións do tempo. Cada un ten as súas razóns, pero está claro que, quen máis e quen menos, está pendente estes días do elemento máis desexado: a chuvia. A Web galega ten recursos sobre a cuestión, pero se cadra é o espazo de Meteo Galicia o máis referencial. O que se cadra non todos e todas sabíamos é que este departamento da Consellería de Medio Ambiente tamén pode ser de referencia nos móbiles e nos PDAS. A idea de Meteo Galicia é a seguinte: meterse un pouco máis de cheo nas novas tecnoloxías (alén da Web) e “dar resposta ás novas necesidades de comunicación”.
Deste xeito, e tendo en conta que o número de usuarios de dispositivos móbiles con acceso á Internet non vai precisamente costa abaixo, habilitouse unha versión da páxina web para este tipo de aparellos, móbiles ou PDAs. Trátase dunha feitura máis reducida e cunha navegación máis sinxela, pero inclúe (segundo apunta Meteo Galicia) o máis salientable do labor da predición. Cómpre sinalar tamén que o desenvolvemento está aberto a incorporacións e a melloras, o que quere dicir que en breve asistiremos a unha ampliación do abano de opcións.

PUBLICIDADE