Meteogalicia achega unha ferramenta para producir contido audiovisual a medida

luns, 11 de setembro do 2017 Redacción

A Consellería de Medio Ambiente anunciou hoxe unha serie de novidades na web de Meteogalicia, meteogalicia.gal. Trátase da creación dunha ferramenta para a produción de contido audiovisual a medida. En termos máis concretos, estamos ante un recurso que nos permite seleccionar as imaxes proporcionadas polas 19 cámaras do servizo de observación e previsión meteorolóxica distribuídas pola xeografía galega e obter información visual sobre as condicións climatolóxicas e o aspecto que presenta un lugar nun momento determinado.
Segundo informa Medio Ambiente, esta optimización fixo posíbel a posta en funcionamento dunha nova ferramenta con dúas modalidades, por unha banda, “un panel de cámaras personalizado para usuarios en xeral”, e, por outra banda, “un sistema de visualización máis sofisticado para persoal experto”. No caso da primeira opción, as persoas que o desexen poden seleccionar o contido dunha ou varias cámaras e, a través dun único enderezo web, acceder á información que se mostrará ciclicamente e durante un breve período de tempo.
Pola contra, os usuarios expertos contarán cun sistema de visualización máis sofisticado que poderán envorcar nos seus sitios e aplicacións web co “fin de ofrecer contidos de información meteorolóxica máis atractivos”, informou Medio Ambiente, engadindo que para este caso, tirarase proveito dunha tecnoloxía denominada “JSON”, que, poderá seleccionar o tipo de imaxes que máis se adapten ao seu proxecto.

PUBLICIDADE