Mi Play, o novo móbil de Xiaomi que venden en China cun ano de datos móbiles de balde

luns, 24 de decembro do 2018 Marcus Fernández

Estarmos en tempo de Nadal non é desculpa para que Xiaomi continúe a presentar novos smartphones, polo que hoxe anunciou o novo Mi Play, un curioso teléfono con pantalla Full HD+ de 5,84 polgadas, procesador MediaTek P35 de 8 núcleos, 4 GB de RAM, 64 GB de almacenamento (ampliable mediante microSD), cámara traseira dual de 12 e 2 Mpíxeles, cámara frontal de 8 Mpíxeles integrada nunha reducida pestana superior, lector traseiro de pegadas dixitais e batería de 3.000 mAh.
Pero o máis curioso deste novo móbil é que sae á venda en China a un prezo de 1099 iuans (140 euros) incluíndo unha tarxeta SIM con 10 GB de datos 4G ao mes durante un ano completo, o que pode ser un grande reclamo para facerse con este terminal no país asiático.

A pestana superior na pantalla é de tamaño reducido (case circular) para manter a cámara frontal á vez que permite un deseño todo pantalla
O móbil está dispoñible en distintas cores

PUBLICIDADE