Micro-películas de 60 segundos para celebrar o aniversario da FCETOU

xoves, 17 de marzo do 2011 Raquel Noya

En tan só 60 segundos nacen do redor de 170 bebés no mundo, o noso corpo produce uns 140 millóns de glóbulos vermellos, parpadeamos unhas 12 veces, e a Terra desprázase 1.760 quilómetros ao longo da elíptica que a fai xirar a redor do sol.
É o mesmo tempo que a facultade de Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo dispuxo para a duración das micro-películas que se presenten ao certame A FCETOU en 60" que vén de convocar con motivo do seu 25 aniversario.
A facultade organiza este evento para que as persoas interesadas en amosar a súa visión do centro, o fagan a través de pequenas creacións audiovisuais que non deberán durar máis de 60 segundos.
Elisa Alén, decana da Facultade, anunciou no xornal online da Universidade (DUVI) que a organización do evento quixo incidir máis no uso das novas tecnoloxías este ano, “pois cada vez somos máis dixitais e multimedia”.
Xa que logo, ao seu concurso anual de fotografía, a entidade académica engadiulle este ano a organización dun galardón de micro-películas no que, en palabras de Alén, “se deberán explorar características, valores engadidos e/ou singularidades da facultade e da súa localización no espazo”.
O blog desta facultade subirá os traballos recibidos cada venres para que a comunidade internauta poida valoralos; os seis máis votados polo público serán publicados na canle de YouTube da facultade en calidade de finalistas do concurso e o gañador ou gañadora recibirá un iPod.
Asemade, as fotografías recibidas no correspondente concurso tamén serán expostas no devandito blog, para seren votadas e expostas posteriormente no álbum do Flickr da FCETOU en calidade de finalistas do concurso. Neste apartado, haberá un primeiro premio dotado cunha cámara dixital e un accésit que será un marco dixital.
O prazo para presentarse a ambos concursos, abertos a tódalas persoas interesadas, remata o día 3 de abril.

PUBLICIDADE