Micrófono USB ideal para portátiles

martes, 27 de maio do 2008 Marcus Fernández

Os micrófonos integrados nos ordenadores portátiles normalmente son de baixa calidade e recollen moito ruído por mor dos ventiladores dos propios equipos, e para atender á necesidade dalgúns usuarios de facer gravación Blue Micro lanza SnowFlake, que é un micrófono cardioide que se conecta ao USB do ordenador e que se pode empregar tanto sobre o escritorio coma enganchado a xeito de pinza á pantalla do portátil.
O seu tamaño é bastante reducido (o que facilita o seu transporte) e opera perfectamente tanto baixo Windows coma en Mac OS X (sen precisar de controladores adicionais), vendéndose a 59,99 dólares.
Este tipo de accesorio resulta ideal para aplicacións de VoIP (coma Skype), rexistrar narracións para presentacións, facer podcasts e mesmo para gravar música, pois ten unha frecuencia de mostreo de 44,1 kHz a 16 bits e unha resposta entre os 35 Hz e os 20 kHz.

PUBLICIDADE