Micrófono de gorxa para a Xbox 360

martes, 2 de agosto do 2011 Marcus Fernández

Ardistel vén de incorporar ao seu catálogo de accesorios para a Xbox 360 o TX-1 Throat Mic, un comunicador de estilo militar fabricado por Gioteck que conta cun micrófono de gorxa con auricular que detecta a voz por contacto e transmite o sinal preciso para unha comunicación perfecta, contando cun control de volume con interruptor para activar ou desactivar o micrófono e que ten un colar totalmente axustable, illamento sonoro e xiro de 180 graos. Pero este dispositivo está lonxe de ser un luxo, pois o seu prezo de venda é de só 14,95 euros, e pode atoparse na meirande parte de tendas especializadas en videoxogos.
Os micrófonos de gorxa ou laringófonos son moi habituais en contornos militares por recoller o son directamente a través de sensores situados no pescozo, recollendo así as palabras do seu usuario en ambientes ruidosos ou falando en voz baixa, o que no caso das consolas de videoxogos serve principalmente para poder falar cos amigos durante partidas en rede pese a que teñamos sons de batalla a retumbar nos altofalantes, ou sexa, que a súa principal función é a de redución o ruído de fondo nas nosas comunicacións.

PUBLICIDADE