Microsoft Edge está a probar unha función de pantalla dividida

martes, 24 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

Aínda que poida dar a impresión de que os navegadores web apenas presentan novidades nos últimos anos, realmente están a evolucionar constantemente, só que os cambios son tan lixeiros e tenden a estar presentes nos distintos navegadores a longo prazo, de xeito que os asumimos como algo natural, de aí que sorprenda cando dan conta dunha funcionalidade que se aparte do habitual, como é o que está a acontecer co Microsoft Edge, que está a probar un modo de pantalla dividida.
Para probar a nova función temos que facer uso dun parámetro nas versións beta, dev e canary de Microsoft Edge, e unha vez feito, aparece un novo botón na barra de enderezos, que permite dividir a fiestra do navegador en dúas pestanas separadas a cada lado, o que pode resultar moi práctico para comparar páxinas web e documentos, ou incluso para traballar cunha páxina web mentres se consulta simultaneamente a información doutra, mantendo o escritorio con certa orde (xa que non é preciso abrir outras fiestras por separado).
Probablemente vexamos esta función proximamente nunha versión oficial do Microsoft Edge, o que podería levar a que outros navegadores como Chrome ou Firefox incorporasen prestacións na mesma liña.

PUBLICIDADE