Microsoft abre a porta a DeepSeek na súa nube e nos Copilot PC

xoves, 30 de xaneiro do 2025 Marcus Fernández

O rebumbio creado polos novos modelos de IA de DeepSeek non cesa, e dende Microsoft suben ao carro por partida dobre, xa que anuncian a dispoñibilidade de DeepSeek R1 en Azure AI Foundry e GitHub e a posibilidade de correr modelos destilado de DeepSeek R1 de forma local en equipos Copilot+ PC (comezando polos que teñen procesadores Qualcomm Snapdragon X e pasando logo aos Intel Core Ultra 200V e outros).
Estamos ante unha grande nova para quen desexe despregar modelos de IA de xeito económico, e coa incorporación ao catálogo da nube de Microsoft temos tamén un xeito moi atractivo de probar de xeito seguro as posibilidades deste tipo de modelo, mentres que o xeito de poder correr un modelo de IA apoiándose na NPU dun ordenador persoal cun mínimo impacto no consumo e na autonomía é algo que tamén resulta sumamente atractivo, facilitando a exploración de novas aplicacións da IA e marcando un camiño de normalización do uso deste tipo de tecnoloxías de xeito local que rematará impóndose en ordenadores e dispositivos móbiles en pouco tempo se mantemos o ritmo actual.