Microsoft achega tecnoloxías de aprendizaxe máquina para salvar aos elefantes dos cazadores

venres, 10 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

Poden as novas tecnoloxías, e máis polo miúdo as máquinas con capacidade de aprender, salvar aos elefantes da extinción? Se atendemos ao que conta estes días Microsoft, reflectindo datos xerados polo seu proxecto Conservation Meetrics, a resposta á devandita pregunta é positiva. Este dato esperanzador chega se cadra no intre en que máis se precisaba: agora que a extinción semellaban máis que inevitábel (debido sobre todo á caza derivada da extracción do marfil, e da permisividade dos países e os mercados con este comercio, mesmo dos países e mercados máis supostamente avanzados).
O proxecto ten a súa cerna na República do Congo, onde se está a xerar Big Data sobre os elefantes a raíz da iniciativa Elephant Listening Project. Para xuntar a meirande cantidade de datos, fixáronse sensores acústicos na contorna dos devanditos animais que fican activos as 24 horas do día. Estes sensores capturan tódolos sons do Parque Nacional de Nouabalé-Ndoki e das zonas forestais limítrofes.
Recóllese a actividade acústica de fauna e flora, pero tamén da acción humana, por exemplo ruído de motoserras, motores, voces humanas e disparos. Asemade, cáptase o son xerado polos elefantes de selva africanos, unha especie en “grave perigo de extinción”, segundo lembra a multinacional Microsoft, que quixo participar na loita pola súa supervivencia co devandito proxecto Conservation Meetrics, iniciativa abeirada a AI for Earth, traducíbel por Intelixencia Artificial para a Terra.
A compañía está a poñer en xogo os seus últimos avances en Machine Learning (ML), en galego Aprendizaxe Máquina, co obxectivo de facer seguimento da vida salvaxe africana e analizar os resultados dos traballos de conservación. Máis polo miúdo, empréganse algoritmos avanzados para desenvolver e impulsar Elephant Listening Project en colaboración coa Universidade de Cornell, onde se encargan de distinguir o bruar dos elefantes de selva africanos do resto de sons típicos dun bosque tropical.
“É un traballo perfecto para un sistema de Intelixencia Artificial, que ao ser humano levaríalle anos buscando patróns entre terabytes de datos”, lembra Microsoft, engadindo que estes patróns sérvenlles aos investigadores para estimar a poboación de animais, facer seguimento dos seus movementos, garantir a súa seguridade e identificalos de xeito individual, algo que até o de agora era unha tarefa inviábel, tendo en conta a contorna natural na que se moven.
Ademais, os traballos inclúen utilizar Machine Learning para achar pautas e rutinas de movemento en tempo real que alertan da chegada de cazadores furtivos ou bloquear anuncios en liña sobre a comercialización de marfil.
O proxecto Elephant Listening Project leva máis de tres décadas investigando como os elefantes utilizan sons de baixa frecuencia para comunicarse entre si. Recentemente, eses científicos comezaron a utilizar sensores acústicos para construír estimacións de poboación e, en última instancia, para rastrexar e protexer aos elefantes en África Central e Occidental.
Conservation Meetrics comezou a colaborar co Elephant Listening Project en 2017 para impulsar a súa eficiencia.

PUBLICIDADE