Microsoft anuncia novos smartphones cun prezo axustado
luns, 2 de marzo do 2015- O Lumia 640 mantén a súa pantalla nas 5 polgadas
Ás
8:30 horas Microsoft celebrou unha presentación enmarcada no Mobile World
Congress na que anunciou
un par de novos smartphones da familia Lumia que destacan polo seu prezo
asumible, que non está rifado cunhas boas prestacións, e que posiblemente consigan
unhas vendas masivas, en boa medida porque teñen garantido o seu futuro a longo
prazo, xa que a compañía de Redmond confirmou que poderán actualizarse a
Windows 10.
O Lumia 640 e Lumia 640 XL son uns smartphones bastante completos que buscan
ter unha boa relación co escritorio informático e coa produtividade, de xeito
que incluirán unha subscrición persoal durante un ano ao servzio Office 365, o
que permitirá gozar do software Microsoft Office no teléfono e tamén nunha
tableta e nun ordenador (con Windows ou OS X) incluíndo tamén 1 TB de
almacenamento en OneDrive. Un excelente complemento que animará aos novos
usuarios de terminais Lumia a confiar máis nos servizos na nube.
- O Lumia 640 XL conta cunha pantalla de 5,7 polgadas
O Lumia 640
é un smartphone con Windows Phone 8.1 que conta cunha pantalla IPS de alta
definición de 5 polgadas, cun procesador Qualcomm Snapdragon 400 de catro
núcleos a 1,2 GHz, 1 GB de RAM, 8 GB de almacenamento interno (ampliable
mediante tarxetas microSD de até 128 GB), cámaras de 8 e 0,9 Mpíxeles, NFC,
Bluetooth 4.0, Wi-Fi N, batería de 2.500 mAh, un grosor de 8,8 milímetros e un
peso de 145 gramos, que no seu modelo 3G terá un prezo de 139 euros (sen
impostos) e que na súa versión con LTE custará 159 euros.
No caso do Lumia
640 XL a pantalla medra até as 5,7 polgadas, indo acompañada por unha
batería de 3.000 mAh e cámaras de 13 e 5 Mpíxeles, o que fai que o grosor
ascenda até os 9 milímetros e o peso até os 171 gramos. O prezo tamén se
incrementa até os 189 euros no modelo 3G e 219 euros no caso do modelo 4G
(LTE).
Estes novos terminais sairán á venda o mes que vén, aínda que no foi o único
produto presentado hoxe por Microsoft, que tamén
deu a coñecer o seu novo teclado universal, que pode dobrarse pola metade
para facilitar o seu transporte, e que a través de Bluetooth poden conectarse a
ordenadores, tabletas e smartphones (sendo compatible tamén con Windows Phone a
partires da chegada de Windows 10).
Vídeo promocional dos novos Lumia presentados esta mañá