Microsoft anuncia un novo smartphone económico

mércores, 23 de xullo do 2014 Marcus Fernández

Microsoft quere facilitar que o Windows Phone 8.1 estea ao alcance de cada vez un maior público, polo que hoxe presenta o seu novo terminal Lumia 530, que consegue achegar unha boa experiencia de uso a un prezo moi asumible. O Lumia 530 funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 200 de catro núcleos a 1,2 GHz, 512 Mb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD de até 128 Gb, cámara traseira de 5 Mpíxeles, pantalla de 4 polgadas cunha resolución de 854 x 480 píxeles, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, batería de 1.430 mAh, un grosor de 11,7 milímetros e un peso de 129 gramos, que chegará ás tendas con carcasas de 4 cores distintas (verde, laranxa, branco e negro) e con modelos para 1 ou 2 tarxetas micro SIM en función do mercado no que se comercialice o terminal.
O seu prezo libre será de 85 euros antes de impostos e subvencións (polo que sería doado atopalo por menos de 100 euros) e comezará a venderse no mes de agosto como unha alternativa bastante axeitada aos smartphones con Android de gama baixa, pero coa vantaxe de ofrecer unha experiencia de uso que na meirande parte dos casos resulta moito máis fluída, á vez que aproveita o utilizar tecnoloxía de Microsoft (o que permite acceder de balde a documentos de Office en mobilidade e gozar de 15 Gb de almacenamento de balde en OneDrive.

The Bang by Coloud

Paralelamente tamén dan a coñecer un excelente compañeiro para o Lumia 530 e outros móbiles de colores rechamantes, como é o novo altofalante de pequenas dimensións Bang, que pode conectarse á toma de auriculares de calquera móbil e integra unha batería recargable de 680 mAh cunha autonomía de até 8 horas. Mide só 75 x 51 milímetros, pesa 96 gramos, o seu cable ten unha lonxitude de 17 centímetros e destaca especialmente por chegar ao mercado en poucas semanas con carcasas en verde, laranxa e negro a un prezo de só 19 euros.


Vídeo de presentación dos novos Lumia 530

PUBLICIDADE