Microsoft aposta pola IA no seu congreso para desenvolvedores

martes, 23 de maio do 2023 Marcus Fernández

No marco do evento Microsoft Build 2023 a compañía de Redmond anunciou máis de 50 produtos e novas funcionalidades, das que a meirande parte implican o uso da intelixencia artificial, que é o eixe no que pivotan os traballos de Microsoft atendendo á actual demanda do mercado e o grande potencial desta tecnoloxía.
Microsoft anunciou que adoptará o mesmo estándar de plugin aberto que OpenAI introduciu en ChatGPT, permitindo a interoperatibilidade entre ChatGPT e a ampla oferta de tecnoloxía de copilotos de Microsoft, polo que os desenvolvedores poderá utilizar unha plataforma para crear engadidos que operen en ChatGPT, Bing, Dynamics 365 Copilot e Microsoft 365 Copilot. Dentro desta novidade tamén estaría a chegada de Bing a ChatGPT, de xeito que o popular chat de intelixencia artificial poderá utilizar o buscador de Microsoft para conseguir respostas máis actualizadas.
Outra novidade importante para o mundo da empresa é a nova plataforma de análise unificada Microsoft Fabric, que inclúe enxeñaría, integración, almacenamento e ciencia de datos, analítica en tempo real, capacidade de observación aplicada e enxeñaría empresarial, todo conectado a un único almacén de datos chamado OneLake. Deste xeito os clientes de todos os niveis técnicos poderán experimentar as capacidades desta nova solución nunha ferramenta unificada, desbloqueando o potencial dos seus datos e facilitando aos desenvolvedores o poder da IA xenerativa para atopar intelixencia nos seus datos.
Para o público xeral, por outra banda, o máis interesante sería a chegada de Windows Copilot a Windows 11, ou sexa, que o asistente de intelixencia artificial que Microsoft integrou no seu navegador web Edge chegará ao propio sistema operativo na versión preliminar que estará dispoñible en xuño.

JPEG - 89 KB
Microsoft integrará un copiloto de intelixencia artificial en Windows 11

PUBLICIDADE