Microsoft celebra o lanzamento de Windows 8 dende New York

xoves, 25 de outubro do 2012 Marcus Fernández

JPEG - 100.8 KB
Steven Sinofsky foi o encargado de presentar ao mundo o novo Windows 8

Este venres é un día moi importante para Microsoft, pois supón a estrea de Windows 8 a nivel mundial, o que celebraron hoxe mesmo cun evento que puido seguirse en directo a través da Internet para dar a coñecer oficialmente o seu novo sistema operativo así como o seu tablet Surface, que estréase na súa versión máis básica para achegar unha nova experiencia de uso que difire claramente da que temos co iPad ou con tablets con Android.
Windows 8 supón unha reinvención de Windows, cunha nova interface de uso atractiva e centrada no usuario, que busca tamén adaptarse aos novos dispositivos e estréase cun impresionante soporte de hardware e co apoio de moitos fabricantes, como poderemos comprobar nos vindeiros días nas tendas de informática e centros comerciais que encheranse de novos equipos con Windows 8.


Vídeo promocional do lanzamento de Windows 8

JPEG - 34.3 KB
Sinofsky bromeu sobre o seu experimento para comprobar a resistencia de Surface (converténdoo nun monopatín)

Dende Microsoft aseguran que xa certificaron máis de 1.000 dispositivos para o seu uso con Windows 8, que chegarán en múltiples formas, de xeito que agora veremos ordenadores portátiles e sobremesa co noso sistema operativo, portátiles con pantallas táctiles, equipos convertibles e, como non, o rechamante Microsoft Surface, que inicialmente chegará cunha versión con Windows RT (versión de Windows 8 para equipos con procesador ARM e con certas limitacións) pero que en poucas semanas terá un modelo máis versátil ao poder correr cun Windows 8 completo, aspirando a ser unha ferramenta de grande utilidade para usuarios profesionais que non queiran cargar cun ordenador portátil e un tablet nos seus desprazamentos (conseguindo Surface sumar ambos mundos nun único dispositivo).
A chegada de Windows 8 é o meirande lanzamento de Microsoft dende Windows 95, e vai chegar a máis de 140 mercados en 37 idiomas, podendo adquirirse como Windows 8 (versión normal), Windows 8 Pro (versión para empresas), Windows 8 Enterprise (para compras por volume) e Windows RT (para dispositivos con procesadores ARM). Será posible atopalo en formato físico en numerosos establecementos, pero para moitos resultará máis atractivo mercalo vía web, para o que Microsoft xa ten en liña unha páxina web dende a que facer esta adquisición por 29,99 euros (se temos unha copia de Windows XP/Vista/7), oferta que manterán ata o 31 de xaneiro de 2013; mentres que os usuarios que mercasen un equipo con Windows 7 a partires do pasado 2 de xuño tamén poderán acceder a unha promoción que facilítalles a actualización a Windows 8 Pro por só 14,99 euros.
Para poder instalar Windows 8 precisaremos dun ordenador que como mínimo vaia a 1 GHz, con 1 Gb de RAM (para a versión de 32 bits) ou 2 Gb de RAM (para a versión de 64 bits), 16 Gb de disco libre (32 bits) ou 20 Gb libres (64 bits) e cunha gráfica compatible con DirectX 9. Estas especificación detállanse na páxina web de Microsoft, pois certas características do sistema tamén dependen de detalles como a resolución de pantalla, a tecnoloxía que empregue a placa base do noso ordenador ou o acceso á Internet, aínda que por regra xeral podiamos dicir que Windows 8 funciona en boa parte dos equipos que actualmente funcionan con Windows XP e na práctica totalidade de ordenadores que se venderon no seu día con Windows Vista ou Windows 7.

JPEG - 107.6 KB


Windows 8 en España

O lanzamento de Windows 8 en España tamén se oficializou nun acto que tivo lugar en Madrid coa participación de María Garaña, presidenta de Microsoft España, quen asegurou que Windows 8 estará “dispoñible en calquera dispositivo, xa sexa un tablet ou nun portátil; para tarefas que cada usuario precise, ben para consumir ou crear contidos; e independentemente de se nos atopamos nun contorno de lecer ou de traballo. Windows 8 presenta unha experiencia personalizada que se adapta ao estilo e necesidades de cada persoa”.
Neste evento confirmouse que entre Windows 8 estará dispoñible dende o venres nas principais tendas e distribuidores do Estado, incluíndo a Media Markt, El Corte Inglés e tendas FNAC, así como a través da Internet.

JPEG - 53 KB
Un dos detalles que destacaron de Windows 8 é a súa excelente integración con Windows Phone 8
JPEG - 121.8 KB
Windows 8 contará cunha tenda de aplicacións descargables, trasladando unha tendencia que trunfou en dispositivos móbiles
JPEG - 52.8 KB
Steve Ballmer sostén que con Windows 8 temos os mellores ordenadores persoais da historia
JPEG - 88.2 KB
Windows 8 consegue casar unha experiencia de uso táctil co manexo tradicional con rato e teclado

PUBLICIDADE