Microsoft cesa a produción das HoloLens 2

martes, 1 de outubro do 2024 Marcus Fernández

Pese a que a proposta de realidade mixta defendida por Microsoft era unha das máis innovadoras e prometedoras do mercado, semella ter chegado demasiado cedo, cunha tecnoloxía aínda lonxe de chegar ao seu obxectivo, polo que terían cesado a produción dos cascos HoloLens 2, de xeito que seguirán á venda até rematar existencias, mantendo actualizacións de seguridade até o 31 de decembro de 2027.
As primeiras HoloLens, lanzadas en 2016 e deixadas de fabricar en 2018, rematarán o seu soporte o 10 de decembro deste mesmo ano.
Quedamos así nunha situación na que este tipo de visores quedan case orfos, pois polo momento carecen de sucesor directo, e outros fabricantes aínda non avanzaron dabondo no ámbito empresarial como para que os seus dispositivos de realidade mixta poidan considerarse un produto de uso industrial.
Pese a que esta tecnoloxía aínda non estea moi introducida nin no mercado de consumo nin nas empresas, hai especial interese en levala ao ámbito militar, onde o seu formato voluminoso non é un grande impedimento, aínda que os avances neste ámbito están a realizar coa oposición de moitos desenvolvedores e investigadores, contrarios ao uso do seu traballo para fins militares.