Microsoft comercializará unha webcam de alta definición

martes, 18 de agosto do 2009 Marcus Fernández

A videoconferencia non é unha actividade moi habitual no PC pese a que a meirande parte dos equipos portátiles integren webcam, pero os usuarios que a utilizan habitualmente séntense decepcionados pola mala calidade das cámaras, que en moitos casos son de só 0,3 Mpíxeles, aínda que os 1,3 Mpíxeles avancen para converterse nun estándar.
Os usuarios máis esixentes non só queren captar imaxes a boa resolución, senón tamén vídeo de alta calidade, de aí que Microsoft prepare o lanzamento da súa LifeCam Cinema HD, que sería a primeira cámara web do mercado de consumo en soportar vídeo a 1.280 x 720 píxeles e 30 fotogramas por segundo, o que xa entra dentro do que chamamos alta definición.
A cámara tamén conta cunha lente de vidro, enfoque automático, zoom dixital de 4x, micrófono con cancelación de ruído e tecnoloxía ClearFrame que permite un vídeo máis suave e detallado. O corpo da LifeCam Cinema HD é de aluminio, e funciona tanto en portátiles coma en equipos de sobremesa a través de USB 2.0 e compatible con Windows XP/Vista/7, precisando dun procesador a partir dun Intel Dual Core a 1,6 GHz (recomendándose un procesador a 3 GHz con dobre núcleo e con 2 GB de RAM).
A cámara chegará ao mercado o 9 de setembro, e polo momento só coñecemos o prezo no Reino Unido, onde custará 69,99 libras (80,86 euros).

PUBLICIDADE