Microsoft deixa de fabricar a tableta Nokia Lumia 2520

mércores, 4 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Cando Microsoft lanzou Windows 8 creou certa confusión por comercializar paralelamente Windows RT, unha versión reducida de Windows e orientada a tabletas con procesadores ARM, ou sexa, incapaces de correr aplicacións de escritorio tradicional de xeito nativo, e aínda que esta plataforma actualizouse a Windows RT 8.1, continuou sen conseguir callar no mercado, e parece que o seu ataúde xa ten o último cravo, xa que a semana pasada Microsoft confirmou que deixaba de fabricar a súa tableta Surface 2 (que funciona con RT) e agora tamén anuncian que deixan de fabricar a tableta Nokia Lumia 2520.
As dúas tabletas mencionadas seguen á venda, pero só até que se rematen as unidades dispoñibles, o que parece o adeus a Windows RT, xa que o resto de fabricantes importantes xa desbotaron estes produtos dos seus catálogos tras a aparición de novos procesadores de Intel de baixo consumo e prezo axustado que facilitaban o uso de Windows 8.1 completo en tabletas.
Esta plataforma de software tivo como principal atranco a falta de software, pois poucos foron os desenvolvedores que lanzaron aplicacións optimizadas para a versión táctil de Windows, facendo que o uso de tabletas con Windows RT quedase limitado á consulta da web, o acceso a redes sociais, e ao uso das aplicacións pre-instaladas (que, por fortuna, en moitos casos incluía o Office de Microsoft).
Estamos ante un fracaso provocado polo mercado, e non polo produto en si mesmo, xa que Windows RT era unha solución bastante boa en certos escenarios, como demostraba a Nokia Lumia 2520, que pese a non poder correr aplicacións de escritorio, gozaba dunha excelente autonomía, polo que era un magnífico equipo móbil para labores de produtividade, cun prezo inferior ao da gama Surface Pro e coa vantaxe de contar con conectividade móbil.

PUBLICIDADE