Microsoft di adeus ao seu servizo de streaming musical

luns, 2 de outubro do 2017 Marcus Fernández

No ano 2012 Microsoft estrou o servizo Xbox Music, que ofrecía un catálogo musical con 30 millóns de cancións para competir con Spotify e que coa chegada de Windows 10 pasaría a chamarse Groove, pero en vista de que o servizo non conseguiu callar, anuncian hoxe que van abandonar o sistema de subscrición de Groove, mantendo a funcionalidade de reprodución musical dos contidos propios do usuario, e facilitando a migración desta plataforma a Spotify, de xeito que os usuarios poderán trasladar as súas listaxes de reprodución e coleccións a Spotify dun xeito sinxelo.
Microsoft pon así data de caducidade á aplicación Groove que coñecemos hoxe, xa que a partires do 31 de decembro deixarán de ofrecer o streaming, a compra e a descarga musical a través desta aplicación.
A migración entre Groove e Spotify é un proceso pouco traumático, xa que chega con ter instaladas as últimas versións da aplicacións, identificarse nas mesmas e seguir as instrucións que aparecerán en pantalla se somos subscritores do servizo de pagamento de Groove.
A elección de Spotify como substituto de Groove non é algo aleatorio, senón que dende Microsoft son conscientes de que é a plataforma de streaming musical máis completa a nivel mundial, con grande soporte de dispositivos entre os que non falta a consola Xbox One, de aí que os usuarios non percibirán carencias no servizo, senón que incluso terán máis opcións, o que facilita a transición que deberá concluírse antes do 31 de xaneiro de 2018 de querer conservar a información en Groove.

PUBLICIDADE