Microsoft e a Asociación Española de Pediatría únense a prol da seguridade en liña dos nenos

luns, 17 de decembro do 2007 Raquel Noya

Microsoft e a Asociación Española de Pediatría (AEP) veñen de asinar un acordo de colaboración mediante o que se pretende garantir un pouco máis a seguridade infantil na Rede. Grazas á creación do programa Windows Live OneCare Protección Infantil, Microsoft adquiriu un compromiso global cunha política de protección á infancia, dende as distintas áreas da compañía, para abordar os perigos que afrontan os nenos coas novas tecnoloxías (perigos que non derivan da tecnoloxía mesma, senón dos usuarios). O devandito software, que se distribúe de balde, é a última iniciativa da firma fundada por Bill Gates para mellorar as condicións das viaxes virtuais dos nenos na Rede e completa e mellora o Windows Vista e outros servizos como a consola Xbox, decidindo polos usuarios a que poden xogar e a que non os máis cativos (ben sexa con ou sen conexión).
A Asociación Española de Pediatría, no seu labor de velar pola saúde física, mental e psicolóxica dos nenos, está a traballar nunha serie de recomendacións e consellos para que Internet se empregue de xeito correcto e non sexa prexudicial para os menores. Este organismo recomenda poñer especial interese nos nenos de menos de 14 anos e que os pais se involucren con eles no emprego das novas tecnoloxías.
Entre outros servizos, o Windows Live OneCare Protección Infantil ofrece a administración e a supervisión das listas de contactos dos cativos, unha navegación máis segura con regras personalizadas, un control exhaustivo das actividades con informes web ou procuras e aprendizaxes máis seguros a través da Rede.

PUBLICIDADE