Microsoft enfróntase a Google por supostas infraccións de copyright

martes, 6 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

Microsoft está neste intre vivindo as xornadas previas ó que podería chamarse unha confrontación directa con certo representante da competencia, intres de relativa tranquilidade nos que pendura no ar e sen resolución aparente certo problema coas licenzas de salvagarda dos dereitos. Máis concretamente as de copyright de libros, vídeos e software, que segundo a multinacional de Redmond están a ser violados polo buscador Google, logo de que esta empresa abrise novas estratexias no eido dos medios de comunicación. Así llelo lembrou Thomas Rubin, conselleiro xeral de Microsoft ós membros da Asociación de Editores de Estados Unidos (que levan xa tempo preiteando contra o buscador por esas mesmas cuestións de dereitos de autor). Para Rubin, Google estase a pasar de listo coas editoriais: “As empresas que non crean contidos propios e obteñen cartos grazas a contidos xerados por outros, recollen grazas a iso miles de millóns de dólares por ingresos publicitarios”.
Para Google, sostén Rubin, todo pode ser copiado de xeito libre até que o titular do dereito de autor en cuestión notifique algo en contra. Ou sexa, inverte a orde dos pasos a seguir (engade), pedindo permiso logo de empregar os contidos.
Cómpre sinalar que a orixe de moitas destas críticas están en YouTube, servizo en liña de vídeos recentemente adquirido por Google, e que está a ser obxecto de múltiples denuncias por parte de medios de comunicación por permitir que se empreguen os seus produtos (e sen obter o que consideran que lles pertence).
A confrontación entre Microsoft e Google probablemente adquira nas vindeiras semanas máis intensidade, a xulgar polas declaracións da primeira das empresas. Os motivos de por que até o de agora non se rexistrou tal animosidade están se cadra en certas novas estratexias de ámbalas empresas. É dicir: Microsoft métese de cheo no terreo de Google (nas buscas) e Google faino onde lle doe a Microsoft, apostando por un concepto de Rede onde todo (vídeos, neste caso) está ó alcance da man.

PUBLICIDADE