Microsoft estrea hoxe o seu novo Office

martes, 29 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

A presidenta de Microsoft Ibérica, María Garaña, encargouse de presentar o novo Office esta tarde en Madrid

Tras permitir a súa proba anticipada durante meses, Microsoft anunciou hoxe a chegada da nova versión do seu Office, paquete de aplicacións de produtividade que vai estar dispoñible de 2 xeitos claramente diferenciados: a adquisición tradicional como o produto Office 2013 ou a súa contratación como servizo na nube Office 365.
O mercado de consumo ten agora dispoñible o Office 365 Hogar Premium, que pode empregarse en múltiples dispositivos, tanto con conexión á Internet como fóra de liña, que incorpora capacidades de comunicación e integracións con redes sociais, que pode instalarse en ata 5 dispositivos incluíndo no lote as aplicacións Word, Excel, PowerPoint, OpenNote, Access, Publisher e Outlook. A subscrición anual ao servizo inclúe tamén 27 Gb de almacenamento en SkyDrive e 60 minutos ao mes en chamadas nacionais e internacionais a través de Skype.
A grande vantaxe do Office 365 é que está constantemente actualizado a través da Internet, recibindo correccións e novas funcionalidades, o que permite que a suite poida evolucionar en cuestión de meses e non de anos.
O Office 365 Hogar Premium está dispoñible por 79,99 euros/ano con ordenadores novos (99,99 euros de adquirilo sen PC), o Office 365 Universitarios está dispoñible por 79,99 euros para unha subscrición de 4 anos par ata 2 dispositivos (con todas as funcionalidades da versión anterior) e o Office 365 Pequeña Empresa Premium estará dispoñible a partires do vindeiro 27 de febreiro.
Para un equipo tamén estás dispoñibles os paquetes Office Hogar y Estudiantes 2013 que por 119 euros inclúe as aplicacións Word, Excel, PowerPoint e OneNote; Office Hogar y Empresa 2013 que por 269 euros inclúe Word, Excel, PowerPoint, OneNet e Outlook; e Office Profesional 2013 que por 539 euros inclúe Word, Excel, PowerPoint, OneNote, Outlook, Publisher e Access.
Tamén cómpre destacar que por tempo limitado será posible actualizar de Office 2010 ou Office para Mac 2011 á seguinte versión de Office sen custo adicional, podendo optar pola versión de un equipo ou pola subscrición de 1 ano. Esta promoción sería válida para activacións de Office 2010/2011 entre o 19 de outubro de 2012 e 30 de abril de 2013, podendo canxearse a actualización ata o 31 de maio de 2013.

PUBLICIDADE