Microsoft estrea teclado e rato da familia Surface

xoves, 20 de abril do 2017 Marcus Fernández

Microsoft vén de anunciar a dispoñibilidade na súa tenda en liña e en distribuidores habituais dun par de accesorios da familia Surface, deseñados para aportar un extra de produtividade e deseño: os novos Surface Mouse e Surface Keyboard. Ambos funcionan cun par de pilas alcalinas AAA que achegan unha autonomía de até un ano e Bluetooth 4.0, o que permite a súa conexión rápida e sen fíos a equipos Surface e outros ordenadores, smartphones e tabletas, tanto con Windows, macOS, Android ou iOS, de xeito que son produtos moi atractivos.
O Surface Keyboard é un teclado completo de grande calidade que ofrece unha experiencia de escritura estable e silenciosa grazas á forza do seu retorno. O percorrido, altura, ton e espazo das súas teclas melloran a velocidade de escritura sen erros e a súa retroiluminación facilita a o seu uso en calquera condicións de luz. Véndese a 109,99 euros.
O Surface Mouse, pola súa banda, achega precisión e comodidade, e destacan por ter unha roda de desprazamento de metal. Responde de xeito rápido e silencioso e o seu prezo de venda é de 54,99 euros.
Temos así un par de novos accesorios de grande calidade da man de Microsoft que resultarán moi prácticos para os que queiran gozar dun escritorio elegante e confortable, grazas á combinación dun bo deseño e a comodidade de estar libre de cables.

PUBLICIDADE