Microsoft incluíu A Coruña na súa xira sobre disciplinas STEM e uso responsábel da IA

luns, 21 de abril do 2025 S. P.

Microsoft concluíu unha nova edición da súa iniciativa Construamos o Futuro, cuxo obxectivo foi, unha vez máis, fomentar vocacións e impulsar habilidades tecnolóxicas, animando a nenas e nenos a interesarse polas carreiras STEM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). Esta edición do proxecto, cuxos resultados publícanse para a celebración do Día Internacional das Nenas nas TIC, impactou a 4.964 estudantes de entre 7 e 16 anos, en 41 colexios e institutos de toda España, grazas á dedicación de 164 voluntarios e voluntarias de Microsoft, un 24% máis que no ano fiscal anterior.
A multinacional informática lembrou con motivo da publicación destes datos que “malia que se notaron avances, aínda persisten grandes retos en termos de igualdade e formación no ámbito tecnolóxico”. De feito, recordou, as mulleres representan só o 23,47% dos especialistas TIC en España, e esta cifra descende por baixo do 10% en áreas como a ciberseguridade e a Intelixencia artificial.
Respecto da presenza de ferramentas intelixentes, a empresa trae a colación o último Work Trend Index elaborado por Microsoft e LinkedIn, no que se di que “aínda que o 68% dos traballadores en España xa incorporou a IA na súa rutina laboral, o país ocupa o décimo cuarto lugar en Europa en dispoñibilidade de profesionais formados en IA”. De feito, o 64% dos directivos españois non contrataría persoal sen formación en IA. Por iso, Microsoft cre necesario o fomento das habilidades tecnolóxicas desde idades temperás.
“O talento diverso e dixital é o motor dun mundo cada vez máis tecnolóxico, e desde Microsoft temos o compromiso de fomentalo desde idades temperás. É crucial visibilizar o papel das mulleres no ámbito científico e tecnolóxico, así como proporcionar referentes que inspiren ás futuras xeracións. En Microsoft traballamos para tentar reducir a fenda de xénero na ciencia e a tecnoloxía, desde o convencemento de que a diversidade favorece a innovación e o crecemento”, comentou Carolina Castillo, directora de Operacións e Marketing, enxeñeira e membro do comité de dirección de Microsoft en España.
Os obradoiros organizados polos voluntarios de Microsoft versaron sobre programación con MakeCode e Minecraft, sustentabilidade e o uso ético e responsábel da Intelixencia artificial. Estas actividades, realizadas en 14 cidades, como A Coruña, Madrid, Barcelona, Bilbao, Málaga, Valencia e Zaragoza, achegaron a tecnoloxía aos nenos e novos, “dunha maneira práctica e lúdica, espertando a curiosidade e o entusiasmo dos estudantes polas disciplinas STEM”.
“Temos un enorme reto como industria e como país. A presenza de mulleres en carreiras universitarias é do 60%. Con todo, nas áreas técnicas isto cambia, baixando ata un 30% no caso das enxeñerías, e aínda máis noutras como informática, onde a presenza de mulleres é tan só do 13%,” engadiu a directiva de Microsoft, apuntando que “é preciso crear referentes e seguir traballando para conseguir que haxa un talento máis diverso para liderar áreas tan punteiras como pode ser a Intelixencia Artificial”.