Microsoft inicia as rebaixas de primavera nos seus xogos

martes, 22 de marzo do 2016 Marcus Fernández

Estes días Microsoft tamén se suma á febre de ofertas nos seus produtos no que anuncian como Rebaixas de Primavera, que no caso dos videoxogos para Xbox One, Xbox 360 e Windows colle forma de descontos que, combinándose co desconto para usuarios Gold de Xbox LIVE pode chegar ata o 75%, polo que estamos ante unha boa oportunidade para ampliar a nosa ludoteca de cara aos vindeiros días festivos.
Este novo período de rebaixas desenvolverase ata o vindeiro luns e permite que, por exemplo, poidamos facernos cun importante desconto xogos de Xbox One como Sleeping Dogs, Battlefield Hardline¸ Dragon Ball Xenoverse¸ Need for Speed, FIFA 16, Borderlands: The Handsome Collection, Transformers: Devastation, WATCH_DOGS, The Witcher 3: Wild Hunt e The Telltale Games Collection, entre outros; mentres que para Xbox 360 podemos atopar moitos máis títulos con grandes descontos, dos que algúns como Just Cause 2, Fallout 3 e The Secret of Monkey Island 2: Special Edition son retrocompatibles, que poden adquirirse a prezos extraordinariamente baixos (ata 3,74, 4,94 e 2,37 euros nos casos indicados), o que agradecerán quen queira darlles unha oportunidade tardía.
Tamén pode resultar interesante botar un ollo ás rebaixas de xogos para Windows, onde podemos atopar títulos como Leo’s Fortune por só 1,99 euros (o seu prezo habitual é de 4,99 euros en Windows e 5,99 euros en Android) o que é unha grande oferta para este atractivo xogo de plataformas que en 2014 foi recoñecido por Apple como un dos mellores xogos na App Store. Outros títulos a bo prezo serían Halo: Spartan Assault e Halo: Spartan Strike, a 2,49 euros cada un, que pese a ser xogos orientados a dispositivos móbiles, tamén son aptos para xogar en ordenadores e tabletas.